Aplicación "Ximnasio dos verbos"

Posted by Zhuravlev on 12:00


                                   

Problemas cos verbos galegos?
Non te preocupes porque vas poder instalar o 'Ximnasio dos Verbos' (Android) para poñerte en forma.
O 'Ximnasio dos Verbos' é unha aplicación para que adestres o presente con alternancia vocálica e os verbos irregulares en galego. 

Co noso plano de adestramento, poderás retrucar como un/ha regueifeirx e axiña serás un/ha Jedi dos verbos. Despois, o único que che quedará será axudar a outras persoas para que consigan o teu dominio do galego.

Cales son as características do noso adestramento?

*É subes ou sobes? Non te preocupes! Consulta todos estes verbos revirados e escóitaos.
*Uns bos trucos para que non esquezas estes verbos do demo.
*Como máis vale experiencia que ciencia, ofrecémosche exercicios para que adestres os teus abdominais verbais.
*Pon a proba todo o que aprendiches e convértete nun/nunha auténtic@ Jedi dos verbos en galego cos nosos xogos.

Esta aplicación naceu como un proxecto docente dentro das aulas de lingua e cultura galegas no Romanisches Seminar da Universität Heidelberg. Ao abeiro desta institución, o Galicien Zentrum (adscrito ao Iberoamerika-Zentrum) leva máis de 30 anos desenvolvendo as súas actividades sobre Estudos Galegos nas áreas de Filoloxía Románica e de Tradutoloxía. 

Dentro deste marco, as persoas que argallarmos isto fomos Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González. Deseñámolo e programámolo, baixo licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional

Por último, o 'Ximnasio dos verbos' funciona sen necesidade de estar conectados, agás as definicións dos verbos e certas ligazóns. Isto require ligar cunha rede wifi ou de datos celulares.

Ler a nova en Galicia Confidencial

Google Play